Sempre en Galiza - A.R.Castelao

domingo, 21 de septiembre de 2008

 

"Disque unha tribo de alma viaxeira enfiou o roteiro do sol, e, anda, anda, chegou ao cabo do mundo, á nosa Fisterra, onde ficou varada de asombro, ante a inmensidade e o infindo.
E velahí como a alma viaxeira dunha tribo de Oriente enraizou os seus anceios de coñecemento na pedra ígnea do noso chan e formou a primeira capa da nosa nación. Disque outras tribos de alma viaxeira foron chegando, polo mesmo camiño, á nosa Fisterra, e alí vararon os seus anceios, a comtemplaren o sol mergullándose nas augas do mar: un dos maiores misterios da antigüidade, o misterio que enxendrou o “terror clásico”.
Todos seguían o roteiro do sol (o mesmo camiño que despois seguiron as civilizacións) e todos chegaban á Fisterra, e dende alí só as almas podían camiñar en procura da verdade.
Contan que a nosa Fisterra era o peirao en que se embarcaban as almas dos mortos para proseguiren o anceio dos vivos (as arelas de coñecemento obrigaban a andar, e só no cabo do mundo xurdía o inescrutábel alén). Disque a nosa Terra foi invadida por uns homes barudos que traballaban os metais e que se consideraban fillos do deus da morte, en honor do cal contaban o tempo por noites, e que esta tribo domeñou o “mar tenebroso” e chegou a Irlanda, para crear dende alí un novo imposíbel: o de retonar ás orixes.
E así o Pai Sol, que todos os días percorría a vouta do ceo, levado en triunfo polos cabalos astrais, retornaba morto todas as noites ó berce das orixes, para que se acendese cada mañá en chamas e comenzase de novo a súa carreira triunfal, a sementar a vida no mundo.
Esta é a lenda, que decote se adovía con mil pantasías poéticas; mais despois veu a historia e por ela sabemos que outros pobos diferentes chegaron á nosa Fisterra e que lle infundiron novo carácter; pero ningún invasor foi capaz de roubarlle a alma viaxeira, que xa camiñaba en direccións opostas do mesmo camiño: cara ao alén e cara ás orixes.
...
Todos os pobos que se asomaron á nosa Fisterra sentiron arelas de traspor aqueles horizontes visibles e inasequibles, e foi, xustamente, o anceio do “alén mar” o que descubriu este novo mundo, polo que agora navegan as miñas dores e as miñas esperanzas.
...
Vai para moitos anos que un artista andaluz me dixo no peirao de Vigo, vendo erguer áncoras a un trasatlántico: “Os españois botan raíces na terra, coma se fosen árbores; mais as vosas raices son elásticas, de tanta elasticidade que vos deixan dar mil voltas ao redor do mundo”. Aquel artista andaluz falou así despois de ver aos emigrantes galegos subiren as escadas do vapor con aire de turistas de terceira clase, seguros do retorno.
...
Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue á terra nativa, pois se os camiños nos tentan a camiñar é porque deixamos unha luz acesa sobor da casa en que fomos nados, e alí nos agarda o fin da vida. Andar, andar, andar, e no remate do traballos devolverlle á Terra o corpo que ela nos emprestou."

5 comentarios:

Belgarath dijo...

Que pasada, canta razon ten. gustame iso que pon o final de devolverlle a terra o corpo que nos emprestou.
todos temos algo de alma viaxeira, pero coma na casa en ningun sitio.

Un biquiño "almiña", xa che queda menos pra botar a voar, mimadriña canto te vou a botar de menos, pero cada un co seu, e tranquila que no coto sempre teras un sitio.
bicos e apertas!!!

Alma Viaxeira dijo...

Ola Belgarath!!
Canta ilusión me fixo que me escribises neste post, xa que polo que miro, á xente non lle debe gustar o que pon, ou lle asusta tanta letra, porque ninguen se dignou a poñer nada.
Eu tamen vos vou votar moito de menos, despois de levar case toda a nosa vida xuntos. Pero o tempo pasa voando, e antes de que nos deamos conta, estarei visitandoos, ou vos a min.
Moitos biquiños.
P.D. gracias polo sitio no coto.

ru dijo...

que preciosidade, deli! que chulada.

noraboa, moi ben escollido o texto. josss... que me vou emocionar e todo, :S

bicos

ali dijo...

ai, miña De!! canta razón tes... ti tamén es un páxaro que nos ten engaiolados a todos,ainda que tampouco deixas de voar da qui pra la,e xa teñas un namorado por ahi, sei que non che quere engaiolar, e seguiras voando de vez en cando ata nos, que tamén estamos prendados de ti :) e seguiremos apreciando a tua beleza.

Veña biquiños moitos, e como xa che dixera cando fun, non hai nada como ter un fotografó profesioná :P
Taloghiño

ali dijo...

vaia, non sei que fixen pero puxen o comentario donde non era, pero que sepas que eu tamén o leín, e isto chega moi adentro, sobre todo cando un xa esta fora da tua terra inda que non sexa moi lexos, pq canta razón ten "o da forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue á terra nativa, pois se os camiños nos tentan a camiñar é porque deixamos unha luz acesa sobor da casa en que fomos nados, e alí nos agarda o fin da vida".
A min tentoume a camiñar, pero espero non ir so para darlle descanso o final dos meus dias alá, senon que gustariame estar na miña terra, terra donde eu me criei :P, moito antes do último descanso :)
biquiños mil